O Álvarez Limeses pecha o ciclo sobre 'Saúde, alimentación e actividade física' do Teucro e o Concello

Pontevedra
21 de xaneiro 2021

No ciclo participaron unha decena de centros educativos de Pontevedra ao longo dos últimos meses

Charla sobre 'Saúde, alimentación e actividade física' no CEIP Álvarez Limeses
Charla sobre 'Saúde, alimentación e actividade física' no CEIP Álvarez Limeses / Concello de Pontevedra

Última parada do programa sobre 'Saúde, alimentación e actividade física', impulsado pola Sociedade Deportiva Teucro e a concellería de Educación de Pontevedra.

O CEIP Álvarez Limeses acolle esta semana as últimas charlas do ciclo, que pasou por unha decena de centros educativos.

Impartidas pola coordinadora teucrista Laura del Castillo coa colaboración de Javier  Dóminguez, a nutricionista Inés Martínez e nesta ocasión o xogador do primeiro plantel Cahuê Herrera, no Álvarez Limeses contaron tamén coa presenza do concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, quen aproveitou para facer balance dun a actividade que "fomentou hábitos saudables entre 762  alumnos de 3º e 4º curso de Primaria", sinalou.

En concreto, o proxecto desenvolveuse durante o mes de decembro nos colexios A Xunqueira I, Vilaverde (Mourente), Parada-Campañó, Santo André de Xeve, San José, Froebel, Cabanas e San Martiño (Salcedo), e nas últimas semanas no CEP Campolongo e no CEIP Álvarez  Limeses.

Ademais de realizarse charlas duns 50 minutos de duración, a actividade tamén incluíu a distribución de kits de merenda saudable para os mozos, de folletos informativos para as familias sobre alimentación e deporte e de guías para o profesorado.