O árbitro pontevedrés Muñiz Ruiz debuta este sábado sobre o verde de Mendizorroza

Pontevedra
19 de agosto 2021

O colexiado galego participou como auxiliar do  VAR nos partidos da primeira xornada disputados en  Mestalla e o Ramón Sánchez  Pizjuán, pero será o sábado ás 17 horas cando  diriga o seu primeiro encontro na máxima categoría do fútbol español

Alejandro Muñiz o día do seu debut na Segunda División cun Numancia-Alcorcón
Alejandro Muñiz o día do seu debut na Segunda División cun Numancia-Alcorcón / LaLiga

O árbitro pontevedrés Alejandro Muñiz Ruiz debutará sobre o céspede de Primeira División este sábado. Despois de asistir como auxiliar do VAR aos encontros da primeira xornada de Mestalla e do Ramón Sánchez Pizjuán, o colexiado galego fará a súa primeira aparición como árbitro principal na máxima categoría do fútbol español en Mendizorroza para dirixir, a partir das 17 horas, o partido entre o Alavés e o Mallorca. 

Muñiz Ruiz estará asistido nas bandas polo manchego Cerdán Aguilar e o navarro Alonso López. O cuarto árbitro será o asturiano Ruiz Álvarez, mentres que na sala do VAR estará o catalán Medié Jiménez como árbitro principal e o cántabro Cordeiro Vega, como auxiliar. 

Nos dous primeiros partidos de Primeira División nos que participou o xuíz ligado ao Comité Técnico de Árbitros de Pontevedra, o seu labor pasou desapercibida e sen transcendencia no xogo nin no resultado. Algo que non ocorrerá nesta segunda xornada, pois será o máximo responsable da dirección do partido.

Alejandro Muñiz Ruiz vive esta tempada a súa primeira tempada na liga Santander despois dun meteórico ascenso ata a elite a ritmo de ascenso por tempada. O seu bo facer na pasada campaña serviulle ademais para gañar o premio Guruceta a mellor árbitro da Segunda División.