O Comité Galego de Árbitros recoñece o labor de PontevedraViva na celebración do seu centenario

Pontevedra
17 de maio 2022

O estamento arbitral quixo poñer en valor o "apoio e colaboración" deste diario co colectivo durante a celebración dun evento que tivo lugar en CIFP A Xunqueira

Celebración en Pontevedra do centenario do Comité Técnico Galego de Árbitros de fútbol
Celebración en Pontevedra do centenario do Comité Técnico Galego de Árbitros de fútbol / Mónica Patxot

O salón de actos do CIFP A Xunqueira acolleu este luns os actos de celebración do centenario do Comité Técnico Galego de Árbitros de fútbol. Unha xornada festiva na que se recoñeceu o labor realizado polos colexiados ao longo do último século e púxose en valor a colaboración dos clubs e dos medios de comunicación. Apartado no que o diario dixital PontevedraViva recibiu unha distinción polo seu "apoio e colaboración co estamento arbitral".

O evento comezou pasadas as 20 horas cun coloquio dirixido polo árbitro de Primeira División, Jorge Figueroa Vázquez. O árbitro do colexio andaluz debutou na máxima categoría do fútbol español na tempada 2020-2021 e acumula xa 37 partidos dirixidos na elite. Antes xa pasou por todas as categorías previas. De feito en Pontevedra aínda é lembrado polo partido de volta dunha eliminatoria de fase de ascenso a Segunda División na que o equipo da cidade caeu eliminado en Alcorcón.

Despois da charla entregáronse as primeiras insignias de prata aos árbitros e árbitras que alcanzaron a categoría nacional, e aos exdelegados da Delegación de Pontevedra recibiron un agasallo conmemorativo con motivo do centenario. 

Tamén subiron ao escenario exárbitros de Primeira e Segunda División para recoller un presente con motivo de tan sinalada data. Acto seguido foi a quenda de  PontevedraViva, con especial mención á sección de Deportes; e dun dos clubs da contorna, o Marcón Atlético, pola súa boa disposición á hora de tratar co estamento arbitral.