O Arosa, a por outra final pola permanencia en Salamanca: "É un partido importante pero non definitivo"

O Salnés
09 de abril 2022

Despois de gañar ao pechacancelas Ceares na xornada pasada por 3-1 na Lomba, o Arosa volve ter un partido vital pola pelexa pola permanencia na Segunda RFEF. A partir de agora cada punto conta, por iso o equipo arlequinado visitará o Estadio Helmántico este domingo (17:00 horas) coa necesidade case urxente de sumar tres puntos: "É un partido importante pero non definitivo"

Partido entre Arosa e Real Avilés na Lomba
Partido entre Arosa e Real Avilés na Lomba / Cristina Saiz

Despois de gañar ao pechacancelas Ceares na xornada pasada por 3-1 na Lomba, o Arosa volve ter un partido vital pola pelexa pola permanencia na Segunda RFEF. A partir de agora cada punto conta, por iso o equipo arlequinado visitará o Estadio Helmántico este domingo (17:00 horas) coa necesidade case urxente de sumar tres puntos: "É un partido importante pero non definitivo".

Alí medirase a un tamén necesitado Salamanca UDS (17º con 28 puntos), que vivirá o duelo "como unha final porque estamos a cinco puntos", admite o adestrador arousán, Jorge Otero. "De gañar deixariámolos moi afastados, por iso ímonos a atopar un partido moi duro, de moita concentración no que teremos que xogar coa ansiedade que poida aparecer no rival".

O importante para o técnico será "ter tranquilidade e saber xogar coa presión alta" do rival, que "está a xogar cunha liña de cinco". Ademais, "fixeron incorporacións no mercado invernal, é un equipo feito para cotas maiores pero as circunstancias fan que pelexen pola zona de abaixo. Hai que saber usar eses aspectos sen despistarnos e sen pensar que vai ser fácil", sinala Otero.

De feito, o adestrador arlequinado é consciente do vital que poden ser os primeiros minutos: "Se conseguimos desactivalos vai ser un paso importante". Aínda así, "imos ter 90 minutos de moita disputa", necesitamos estar "concentrados e disciplinados" para manter "a portería a cero" e así "conseguir confianza e deixar a intranquilidade".