O Salamanca sentencia o Arosa na primeira parte (4-0)

O Salnés
10 de abril 2022

Dolorosa derrota con goleada a vivida polo Arosa este domingo en Salamanca. O equipo arlequinado non soubo reaccionar ao xogo do rival e viuse excedido en todo momento

Partido entre Salamanca e Arosa
Partido entre Salamanca e Arosa / Arosa SC

Dolorosa derrota con goleada a vivida polo Arosa este domingo en Salamanca. O equipo arlequinado non soubo reaccionar ao xogo do rival e viuse excedido en todo momento.

Saíu moi pouco agresivo o Arosa ao terreo de xogo, mentres o Salamanca tomaba as rendas e xeraba certo perigo na portería de Álex Cobo. 

Tivo a mellor o cadro local cando se alcanzaba o primeiro cuarto de hora cun pase en longo de Juancho a Iban, pero este non puido gañarlle a partida ao gardameta arlequinado.

Dominaba o Salamanca e o Arosa víase cada vez máis excedido, sen ser capaz de reaccionar ás chegadas do rival nin xerar perigo na área contraria.

E en tan só 5 minutos o partido púxose totalmente de fronte para os salmantinos. Juancho, por partida dobre, soubo aproveitar os erros defensivos do Arosa e  enchufó o balón na rede defendida por Cobo e deixou tocado e afundido aos xogadores de Jorge Otero.

Abriu espazos o Arosa en busca da reacción antes de alcanzar o descanso, pero o Salamanca reapareceu para sentenciar por mediación de  Menéndez no tempo engadido.

A segunda parte seguiu a mesma liña de desastre por parte dos de Vilagarcía. Non dispararon nin unha soa vez a portería rival e fóronse bloqueando cada vez que pasaban os minutos.

Dominou o Salamanca en todo momento aínda que sen xerar perigo. Só no minuto 90, co partido xa terminado, apareceu Mikel para anotar o 4-0 e redondear a goleada.

Este resultado deixa moi tocado a un Arosa que precisa dunha reacción urxente nas cinco finais que restan para concluír a tempada e salvar a categoría.