Jorge Otero, destituído como adestrador do Arosa: "Oxalá que o equipo consiga o obxectivo"

O Salnés
12 de abril 2022

O conxunto arlequinado tomou a decisión de cesar ao seu técnico ao verse "nun bucle que nos ten neste momento en caída libre", xustificou o director deportivo, Rafa Saéz, apuntando que "seguramente mañá" comunicarase quen será a súa substitución ata final de tempada

Rolda de prensa de despedida de Jorge Otero tras o seu cesamento como adestrador do Arosa
Rolda de prensa de despedida de Jorge Otero tras o seu cesamento como adestrador do Arosa / Arosa SC

A falta de cinco xornadas para o final da liga na Segunda RFEF e coa permanencia en xogo, o Arosa decidiu dar un xiro drástico de rumbo cambiando de adestrador.

Jorge Otero deixou de ser o técnico arlequinado, tal e como comunicou o club este martes nunha emotiva rolda de prensa co preparador, o director deportivo Rafa Sáez, o presidente Manolo Abalo e o director xeral, Rodrigo Lojo.

"O cesamento vén determinado pola dinámica na que está o equipo, entramos nun bucle que nos ten neste momento en caída libre", xustificou Sáez recoñecendo que "todos somos responsables desta situación, aínda que o teña que pagar unha persoa".

A corda rompe polo lado de Otero despois de sumar unha vitoria no últimos oito encontros de liga, o que fixo que o equipo caia á zona de descenso a dous puntos da salvación.

"Voume coa tristeza de non conseguir non o obxectivo, porque estou convencido de que o vai a conseguir o equipo, senón de non chegar ao final", sinalou un emocionado Jorge Otero ao marchar con "esa espiña de non conseguir acabar como queriamos".

O técnico asumiu "toda a responsabilidade" polos resultados a pesar de traballar "con moita ilusión, con moitas ganas", despedíndose do club e da afección cun desexo claro: "Oxalá que o equipo consiga o obxectivo".

Preguntados por quen se ocupará agora de dirixir ao Arosa ata final de tempada, empezando polo derbi do próximo domingo na Lomba fronte ao Pontevedra, tanto o director deportivo como o presidente arlequinado sinalado que "entendo a pregunta e o interese pero o escenario convida a non responder a este tema", deixando no aire unha incógnita que "seguramente mañá" confirmarase, avanzou Rafa Sáez evitando responder se será el mesmo o que se faga cargo do equipo.