O Arosa deixa dous importantes puntos ante o Silva (2-2)

O Salnés
28 de febreiro 2016

Os arlequinados, moi irregulares, salvaron un punto ao igualar en dúas ocasións os tantos cos que se adiantaron os coruñeses. O cuarto posto queda agora a cinco puntos

Fran Fandiño durante o partido entre Arosa e Silva
Fran Fandiño durante o partido entre Arosa e Silva / Rubén Abal / Arosa SC

Insuficiente empate para o Arosa ante a visita do Silva ao Estadio da Lomba (2-2) nun partido irregular para os arlequinados, que polo menos salvaron un punto tras verse en dúas ocasións por detrás no marcador.

Arrincou ben o Arosa, dominando e con dúas claras ocasións de Cabanyes nos dez primeiros minutos de partido, pero o encontro foise igualando e o SIlva golpeou na súa primeira chegada, á media hora de xogo, cun gol de Marcos ao rematar un bo centro ao segundo pau.

Reaccionaron pronto os locais, xa que no 36 Aitor Díaz conseguía o empate cun remate de cabeza e pouco despois Rubén Martínez rozou o segundo.

Con todo no inicio do segundo tempo o Arosa baixou o seu rendemento e o Silva aproveitouno para facer o 1-2 nun erro defensivo, cunha perda de balón na área pequena que aproveitou Brais para servir en bandexa o gol ao seu compañeiro Joao.

Piscis moveu o banco na busca dunha melloría que non chegou, pero o balón parado serviu para salvar polo menos un punto co segundo tanto de Aitor Díaz, tras corner sacado por Adrián Camiño.

Faltaban 15 minutos, pero unha protestada expusión de Cabanyes con dez minutos por xogar impediu facer máis aos de Vilagarcía ante un Silva que se conformou co punto.

O empate deixa aos arlequinados na oitava praza con 37 puntos, a cinco do cuarto posto.

Consulta aquí o acta do partido.