O Arosa di adeus casi a toda posibilidade de entrar na fase de ascenso ao caer ante o Arenteiro (2-1)

O Salnés
28 de abril 2019

Pola súa banda, o Ribadumia empata ante o Silva SD na Senra e o Céltiga cae no campo do Ourense CF, que continúa loitando por meterse, a falta de catro xornadas, nos play-off

Partido entre o Arosa e o Céltiga na Lomba
Partido entre o Arosa e o Céltiga na Lomba / Diego Torrado

O Arosa viaxou esta fin de semana a Ourense para enfrontarse ao Arenteiro no Municipal Espiñedo. Tras a derrota da pasada xornada na Lomba contra o Choco, os de Rafa Sáez non foron quen de recompoñerse para manterse vivos na loita por meterse en postos de play-off. Así, dixeron adeus a calquera posibilidade de chegar a ocupar a cuarta posición a falta de catro partidos para o final da tempada, tendo que conformarse coa permanencia en Terceira División.

A primeira parte caracterizouse pola extrema igualdade no campo. Ningún dos dous equipos chegou a crear ocasións perigosas ao non arriscar de cara a portería. Con todo, un gol de Pacheco en propia porta poñía aos locais por diante no marcador.

Co 1-0, estes comezaron a aumentar a súa intensidade de xogo, o que lles permitiu, escasos dez minutos despois, aumentar a súa renda grazas a un tanto de Fajardo despois dun penalti parado por Manu Táboas que, finalmente, acabou entre os tres paus (2-0). Coa vitoria provisional marcharíanse ao descanso, e coa necesidade arousana de cambiar a dinámica para poder remontar na segunda metade.

Coa continuación, volveu o equilibrio. Ningún das dúas escuadras dominaba o xogo. Pero os anfitrións pouco tiñan xa que perder. Con todo, a falta de tres minutos para a finalización do choque, Manu Rodríguez logrou recortar distancias co 2-1, pero non o suficiente como para, polo menos, terminar en repartición de puntos.

Consulta a acta do Arenteiro-Arosa.

Pola súa banda, o Ribadumia recibiu esta fin de semana ao Silva, que continúa ancorado á parte media da clasificación. O cadro local chegaba á cita coa necesidade de puntuar para non volver aos postos de descenso. Con todo, tivo que conformarse co correspondente ao empate despois dun choque no que reinou a máxima igualdade.

Tras unha primeira parte sen goles, na que ningún dos dous equipos quixo arriscar ante a portería rival, a dinámica non sufriu grandes cambios durante a segunda. Non sería ata o 73' que un gol de Rubén Cerqueiras achegaría dúbidas sobre o resultado final do choque. Con todo, os visitantes non baixarían os brazos e responderían pouco despois. Foi Souto quen estableceu o definitivo 1-1 a falta de oito minutos para o asubío final.

Consulta a acta do Ribadumia-Silva.

O Céltiga sumou a súa terceira derrota en catro partido despois da vitoria da pasada semana ante o Somozas. Nesta ocasión, ante o Ourense CF, que, agora cun novo triunfo, continúa loitando por meterse en fase de ascenso a falta de catro partidos. Os arousáns, con todo, mantéñense ancorados á zona de perigo.

O choque estivo dominado desde o comezo polo cadro local, que a escasos sete minutos do pitido inicial xa sumaba o seu primeiro gol por medio de Martín Fontes. A partir dese momento arriscaron menos, algo que non aproveitou o Céltiga para chegar á igualada antes do descanso. Tampouco o farían durante o segundo tempo, no que os ourensáns aumentarían a súa renda cun tanto de Murilo no 74'. 

Finalmente, vitoria merecida dos anfitrións ante un Céltiga erróneo (2-0).

Consulta a acta do Ourense CF-Céltiga.