O Arosa golea ao Céltiga, o Ribadumia non pode co líder e o Villalonga entra en crise

O Salnés
19 de novembro 2017

Resultado enganoso o que se produciu no derbi da Ría de Arousa. Céltiga e Arosa disputaron un partido máis nivelado que o que indica o avultado marcador final, no que os de Jorge Otero impuxéronse, pero non puideron respirar tranquilos ata o tempo engadido, cando completaron a súa vitoria con dous goles

Partido entre Céltiga e Arosa no Salvador Otero
Partido entre Céltiga e Arosa no Salvador Otero / Diego Torrado

Resultado enganoso o que se produciu no derbi da Ría de Arousa. Céltiga e Arosa disputaron un partido máis nivelado que o que indica o avultado marcador final, no que os de Jorge Otero impuxéronse, pero non puideron respirar tranquilos ata o tempo engadido, cando completaron a súa vitoria con dous goles.

Foi un partido de perna dura e poucos adornos no que decidiu un golazo de Julio Rey, poñendo o balón na mesma escuadra, nos primeiros minutos para dar paso a unha sucesión de ocasións de gol en ambas as áreas, acompañadas de brusquidades e xogo duro que terminaron con nada menos que nove cartóns amarelos.

Capi puido empatar para o Céltiga xusto antes do descanso e na segunda parte as ocasións sucedéronse sen que ninguén acertase, ata que na recta final chegaban as xogadas que decidirían o partido.

Primeiro, Roberto Pazos evitou o empate no 87 nun duro disparo afastado de Manu (minuto 89) para que no desconto o Arosa resolvese definitivamente, de novo por obra e graza de Julio Rey, nunha boa xogada entre Javi Pazos e Iago Beceiro, pechando a conta Javi Pazos nunha acción cos mesmos protagonistas, esta vez con Julio Rey iniciando e Beceiro asistindo de novo.

Consulta o acta do partido Céltiga-Arosa nesta ligazón.

Enganoso foi tamén o resultado na Senra, onde o líder Bergantiños superou a un Ribadumia que en bastantes momentos foi mellor e mereceu mellor sorte que ese 0-3 final.

A pesar de que a primeira metade foi de dominio local, sería o Bergantiños, que ata entón non fixera nada destacable, quen se adiantase no marcador cun gran gol de Rodri.

Os comezos do segundo tempo devolveron a un Ribadumia decidido a buscar a igualada, encerrando ao líder na súa área, pero sen acerto no remate, ata que unha contra de Rubén Rivera, en posición dubidosa, permitía ao dianteiro visitante gañar as costas á defensa aurinegra para facer o segundo, que xa pesaría como unha laxa nos homes de Luís Carro.

Jorge Sáez, na recta final, pechaba unha goleada que non reflicte o sucedido no cesped.

Consulta o acta do partido Ribadumia-Bergantiños nesta ligazón.

Respira o Barbadás que abandona o faroliño vermello á conta dun Villalonga que entra nunha preocupante crise. Nada menos que 12 xornadas levaban os ourensáns sen gañar e fixérono fronte aos de San Pedro, que desta forma acumulan a súa cuarta derrota consecutiva e novena xornada sen gañar.

Un solitario gol, conseguido por Caique aos 65 minutos, decidiu o partido nos Carrís, nun choque de dominio local e poucas ocasións de gol.

Consulta o acta do partido Barbadás-Villalonga nesta ligazón.