O Arosa métese na "pomada", valioso empate do Céltiga e derrotas de Ribadumia e Villalonga

O Salnés
12 de marzo 2017

Aproveitou o Arosa as picadas de Cerceda, Rápido de Bouzas e Racing Villalbés para meterse na "pomada", entrar nos postos de play-off e mesmo poñerse a tiro da segunda praza. A irregularidade dos seus tres máximos rivais, provocou que, xunto co Deportivo B, cada xornada máis firme, os de Jorge Otero volvan presentarse como serios candidatos a loitar polo ascenso

Suso, nun partido entre Arosa e Céltiga na Lomba Diego Torrado

Aproveitou o Arosa as picadas de Cerceda, Rápido de Bouzas e Racing Villalbés para meterse na "pomada", entrar nos postos de play-off e mesmo poñerse a tiro da segunda praza. A irregularidade dos seus tres máximos rivais, provocou que, xunto co Deportivo B, cada xornada máis firme, os de Jorge Otero volvan presentarse como serios candidatos a loitar polo ascenso.

O conxunto arlequinado non deixou pasar a oportunidade de sumar os tres puntos na súa visita a O Poboado, fronte a un As Pontes case desafiuzado e que sumou a súa cuarta derrota consecutiva. Sidibé, aos 27 minutos, abría o camiño do triunfo arosista, que sentenciaría Fran Matos, ao transformar un penalti na segunda parte.

Consulta aquí o acta do partido As Pontes-Arosa.

Sumou o Céltiga un valioso punto na visita ao Salvador Otero dun dos aspirantes ao ascenso como o Rápido de Bouzas. Os branquivermellos seguen en postos de perigo, dada a igualdade que hai na zona baixa, especialmente pola posibilidade de arrastres por descensos de equipos galegos de segunda B, pero suman a súa terceira xornada consecutiva puntuando, o que lles permite mirar o futuro con relativo optimismo.

Foi un partido moi trabado, con escasas ocasións de gol e xusta repartición de puntos, cun Bouzas necesitado, pero que demostrou non atravesar o seu mellor momento de xogo.

Consulta aquí o acta do partido Céltiga-Rápido de Bouzas.

Sete xornadas despois volveu perder o Ribadumia. Fíxoo fronte a un Choco necesitado e en liña ascendente, o que aperta aínda máis a clasificación nesa apaixonante loita pola permanencia.

Os de Redondela saíron dispostos a aliviar a súa delicada situación e conseguírono nun partido que dominaron, sentenciando cun gol en cada tempo. o primeiro chegaba moi pronto, aos 10 minutos de xogo, por medio de Óscar Pérez.

O gol deu máis tranquilidade a un Choco que manexou o partido sen problemas ata que a falta de 13 minutos Marquitos sentenciaba o resultado a favor do equipo que adestra Marcos Montes.

Consulta aquí o acta do partido Ribadumia-Choco.

Cuarta derrota consecutiva do Villalonga, que segue pelexado co gol,. Nesta ocasión, os de Antonio caeron fronte a un rival directo pola permanencia como o Alondras, na súa visita ao campo do Morrazo.

Un solitario gol de Óscar Fondevila, xusto antes do descanso, deu a vitoria ao equipo branquivermello, que desde a chega de Nacho ao banco suma o seu terceiro triunfo consecutivo e supera ao mesmo Villalonga na clasificación.

Consulta aquí o acta do partido Alondras-Villalonga.