O Arosa publica o prezo das entradas para o partido de Copa contra o Valencia

O Salnés
16 de novembro 2023

A eliminatoria de segunda rolda da Copa do Rei fixouse finalmente para o martes 5 de decembro (21.00 horas) no Estadio da Lomba. A venda de entradas arrincará o día 20 de novembro con prioridade para os socios da entidade arlequinada

Bancada da Lomba no partido de liga entre Arosa e Pontevedra da tempada 21-22
Bancada da Lomba no partido de liga entre Arosa e Pontevedra da tempada 21-22 / Cristina Saiz

A eliminatoria de segunda rolda da Copa do Rei entre Arosa e Valencia xa ten data, hora e prezo das entradas tanto para socios do club arlequinado como para o público xeral.

O encontro disputarase finalmente o martes 5 de decembro (21.00 horas) no Estadio da Lomba de Vilagarcía.

Unha data marcada en vermello no calendario e para a que o Arosa xa traballa intensamente, empezando pola planificación na venda de localidades.

Neste aspecto fixouse un suplemento para os socios que será de 25 euros en Tribuna, de 20 euros en Preferencia e de 12 euros para os Sub-12, con acceso de balde para os socios con carné especial.

En canto ao público xeral, as localidades custarán 50 euros en Tribuna, 40 euros en Preferencia e 25 euros nos fondos. Non pagarán os menores de 6 anos, aínda que deberán retirar igualmente entrada.

A venda comezará os días 20, 21, 22, 23 e 24 de novembro na sede do club e en exclusiva para os socios do Arosa, abrindo ao resto de afeccionados a partir do día 27.