O Arosa queda sen opcións na Copa Federación ao caer goleado ante a Ponferradina (1-5)

O Salnés
01 de decembro 2016

O equipo berciano adiantouse aos 50 segundos de partido na Lomba. Aínda que o tentou, o cadro de Vilagarcía viuse superado polo potencial do seu rival na ida dos dezaseisavos de final de Copa Federación

Cabanyes nun partido de pretempada co Arosa
Cabanyes nun partido de pretempada co Arosa

Só transcorreran 50 segundos de xogo na Lomba cando Juanto, nunha xogada persoal, poñía en vantaxe á Sociedad Deportiva Poferradina.

Foi un reflexo do que viría despois. O Arosa caeu goleado na casa ante o potencial do cadro berciano (1-5) na ida dos dezaseisavos de final da Copa Federación, dicindo adeus ás opcións de seguir avanzando na fase nacional da competición.

Os de Jorge Otero repuxéronse do gol inicial e tentaron estirarse, buscar a igualada e agradar ao seu público, pero aos 20 minutos de novo Juanto facía o 0-2.

A opción para os arlequinados chegou só dous minutos despois, pero Cabanyes errou un lanzamento de penalti e pouco despois os visitantes volvían anotar, co terceiro de Juanto e outro gol de Caiado.

Duro e excesivo castigo ao descanso para o Arosa que atopou premio na continuación cun gol de Aitor Díaz á saída dun corner.

A Ponferradina seguiu sendo superior e controlou o partido, con ocasións para ampliar a súa vantaxe ata que o 86 Héctor Figueroa poñía o definitivo 1-5.

Coa eliminatoria decidida os de Vilagarcía viaxarán en dúas semanas ao Toralín para un partido de volta no que o único obxectivo será gozar da experiencia.