Cinco xornadas sen gañar. Dous puntos dos últimos quince posibles. O Arosa non conseguiu endereitar o rumbo na súa visita a un recentemente ascendido como o Galicia Mugardos, que se está revelando como o rei do empate (leva catro seguidos e seis en total) e que a punto estivo de dar un disgusto maior ao conxunto arlequinado.
Javi Sánchez debutou defendendo a portería arosista nunha aliñación na que Piscis sorprendeu con decisións controvertidas, ao deixar fora do once inicial a dous homes que ata a data estaban a ser indiscutibles, como Fran Fandiño e Hugo Soto. O primeiro entraría cando restaba algo menos de media hora de xogo, mentres a presenza do dianteiro sería practicamente testemuñal, xa que o técnico recorreu a el nos tres últimos minutos, nun intento desesperado por inclinar a balanza ao lado visitante.
Galicia Mugardos adiantábase pronto no marcador, por medio de Adrián Martínez (minuto 11). O Arosa respondía por medio do seu capitán Adrián Camiño, que lograba a igualada superada a media hora de xogo.
Despois o Arosa, que tivo ocasións non só para gañar, senón mesmo para golear, estrelouse contra a excelente actuación do porteiro local, sendo incapaz de aproveitar nin unha das numerosas ocasións creadas.
Os locais quedarían cun menos nos últimos instantes (minuto 89) ao ser expulsado Kevin Martínez, pero o Arosa non tivo tempo de sacar proveito desa superioridade, a pesar de tentalo á desesperada.