Cinco xornadas despois e con sufrimento, o Arosa volve gañar. Fíxoo na Lomba, fronte ao Órdenes, nun partido no que os arlequinados quedaron cun home menos durante máis de media hora ao ser expulsado por dobre amoestación Rivas.
A punto estivo o pechacancelas de sacar froito do mal momento de xogo que atravesan os de Pisces, que seguen sen mostrar o seu mellor nivel pero lograron unha vitoria anímica.
Adiantouse o Arosa cun gol de Eloy Fariña (minuto 9), pero empatarían os visitantes por mediación de Julián (minuto 26).
Na segunda parte, a pesar da expulsión de Rivas, o Arosa non se descompuxo nin perdeu a fe, ata que a falta de 10 minutos para o final Sylla conseguía o gol do triunfo, e mesmo puido chegar o terceiro nunha boa acción de Fran Fandiño.