O Arosa visita Avilés coa "ilusión de sumar tres puntos onde aínda ninguén o conseguiu"

O Salnés
22 de outubro 2021

O conxunto arlequinado visita este domingo (12.00 horas) a un invicto Real Avilés que pasa por ser "un equipo feito para ascender", asegura Jorge Otero. Ademais dos lesionados de longa duración os de Vilagarcía non poderán contar para a cita con Campillo e Álvaro Denis por problemas musculares

Luismi, nun adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF
Luismi, nun adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF / Cristina Saiz

Saída complicada para o Arosa, que este domingo (12.00 horas, Estadio Román Suárez Porta) visita a un invicto Real Avilés, segundo clasificado con 13 puntos.

"É un equipo feito para ascender, que fichou creo a 17 ou 18 xogadores" analiza Jorge Otero, aínda que iso non mingua a confianza do técnico nos seus coa "ilusión de sumar tres puntos onde aínda ninguén o conseguiu".

No cadro arlequinado viaxan "convencidos do partido que queremos facer, o que estamos a facer e tentando sumar tres puntos", sobre todo tras quitar a pasada xornada "esa laxa de levar tres derrotas consecutivas, gañamos un pouquiño de tranquilidade", recoñece o técnico.

Para sumar, en todo caso, "temos que estar defensivamente a moi bo nivel", defende Otero.

Será un encontro especial para o dianteiro arosista Luís  Nuño, avilesino e que pasa a presión aos seus paisanos. "Os que teñen que propoñer son eles que son os que están na casa", asegura.

Ademais das baixas de longa duración de  Róber e Álex Cobo, o Arosa deberá sobrepoñerse a outras dúas ausencias por problemas musculares, as de Campillo e Álvaro Denis.

O encontro será arbitrado polo navarro Alejandro Morilla Turrión.