O Arxil, "a pleno rendemento" ante o inicio da Liga Feminina 2

Pontevedra
02 de outubro 2019

Despois dunha accidentada pretempada, con problemas físicos que impediron a varias xogadoras adestrar ao 100%, o conxunto pontevedrés asegura estar preparado para a estrea da competición oficial, coa visita ao CGTD dun dos favoritos ao ascenso, o Celta Zorka

Adestramento do Arxil 2019-2020 no CGTD Mónica Patxot

"A pleno rendemento". Así asegura estar a traballar o Club Baloncesto Arxil a só uns días de que comece unha nova tempada na Liga Feminina 2, categoría de prata do baloncesto nacional.

Despois dunha pretempada accidentada, na que problemas físicos de "índole menor", explican desde a entidade, impediron a varias xogadoras exercitarse ao 100% das súas posibilidades, o primeiro plantel arxilista atópase preparada para o esixente debut que lle espera.

O primeiro rival do curso será un dos favoritos ao ascenso, o Celta Zorka vigués que visitará o sábado 5 de outubro o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (19:30 horas).

"As novas incorporacións adaptáronse moi ben ao xogo do equipo", asegura Lino Vázquez antes de enfrontarse a un rival que en Copa Galicia venceunas por 14 puntos de diferenza. Claro que a liga é xa outra historia.

Ademais das propias sesións de adestramento, con especial atención estes días a aspectos tácticos do xogo e ao estudo do seu primeiro adversario, o Arxil levou a cabo estes días os habituais recoñecementos médicos ás súas xogadoras, exames que foron supervisados polo doutor Rafael Domínguez no Hospital  QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.