O Arxil, a terras canarias na busca da súa sexta vitoria consecutiva

Pontevedra
07 de decembro 2023

Cinco triunfos consecutivos levaron ao Arxil a postos de playoff de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino, pero as pontevedresas queren seguir sumando. Tratarán de traerse os puntos da segunda viaxe que fan esta tempada ás illas Canarias

Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD
Partido entre CB Arxil e Maristas Coruña no CTGD /

Cinco triunfos consecutivos levaron ao Arxil a postos de playoff de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino, pero as pontevedresas queren seguir sumando. Tratarán de traerse os puntos da segunda viaxe que fan esta tempada ás illas Canarias.

O pavillón do Real Club Naútico de Tenerife acollerá este venres, a partir das nove da noite hora peninsular, o partido que enfrontará ao Arxil co Naútico de Tenerife.

Debido ao alto prezo do desprazamento a Tenerife, o club pontevedrés só desprazará a dez xogadoras e agradece as facilidades dadas polo equipo canario ao adiantar o partido ao venres para 'esquivar' os días de maior mobilidade turística pola ponte.

En Canarias, as de Mayte Méndez asumen que terán que despregar un xogo "moi intenso" para traerse a Pontevedra un resultado positivo dunha cancha na que as locais levan dúas vitorias consecutivas ante equipos de gran nivel.

O Arxil terá que vixiar de preto a Elena Escuder, a máxima anotadora do equipo tinerfeño, e tratar de desarmar un equipo "férreo en defensa" e con ataques "vertixinosos", sinala o equipo técnico pontevedrés.

"Temos que manter o ritmo defensivo destes partidos e sobre todo apostar por un maior xogo de conxunto", engaden os responsables do Arxil, mantendo un equilibrio entre o xogo interior e o exterior "sen renunciar á nosa filosofía de traballo e xogo de equipo".