Dábase por feito, pero non foi ata este mércores cando o Club Baloncesto Arxil fixo oficial a continuidade dunha das súas canteirás, Aldara Vázquez.
A base pontevedresa renovou por unha tempada coa idea de seguir repartindo minutos entre o equipo de Liga Feminina 2 e o filial, aínda que cada vez con maior presencia no primeiro plantel.
Coa súa continuidade son oito as xogadoras que compoñen actualmente o plantel do Arxil, a un paso de pecharse tendo en conta que a intención é contar cunha rotación curta que se vexa apoiada por xogadoras das categorías inferiores.
Desta forma, ademais de Aldara Vázquez renovaron Carla Fernández, Arantxa Mallou, María Lago e Cristina Díaz-Pache e chegaron como fichaxes Sierra Clark, Janea Williams e Gala Mestres.