O Arxil afúndese no último cuarto e encaixa unha nova derrota en Vilagarcía (67-55)

Pontevedra
08 de decembro 2016

Cuarta derrota consecutiva do Club Baloncesto Arxil na Liga Feminina 2, no partido aprazado da sétima xornada da competición. O equipo pontevedrés mellorou con respecto ás últimas semanas, pero fíxoselle longo o encontro e terminou cedendo ante o empuxe local  

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

Cuarta derrota consecutiva na Liga Feminina 2 dun Arxil ao que lle está custando recuperar o nivel mostrado no inicio da competición.

No partido aprazado da sétima xornada, suspendido no seu día pola praga de lesións no cadro pontevedrés, o Arxil cedeu en Fontecarmoa nun duelo igualado na pista do Cortegada de Vilagarcía (67-55).

As de Mayte Méndez foron de máis menos, xa que empezaron o choque dominando ao seu rival (10-20), xa con Waleska Pérez na rotación arxilista.

O dominio visitante mantívose ata o descanso (29-35), pero na continuación e co paso dos minutos o trío formado por Sara Gómez, Salomé García e Belén Mejías fíxose co control do partido e o Cortegada comezou a mandar no electrónico (48-47).

Así se chegaban aos últimos 10 minutos, con todo en xogo, pero o partido fíxoselle longo a un Arxil que no último cuarto só foi capaz de anotar 8 puntos ante a solidez defensiva dun Cortegada que sentenciou.

Coa derrota as pontevedresas quedan na novena praza da clasificación cun balance de cinco encontros gañados e cinco perdidos, mentres o Cortegada ascende ata a terceira posición.

Consulta aquí as estatísticas do Cortegada-Arxil.