O Arxil, ás voltas coas lesións

Pontevedra
08 de novembro 2017

Os problemas físicos de varias xogadoras, nun plantel xa de seu curto, están a lastrar o rendemento do cadro pontevedrés no inicio da tempada

Chantel Charles, no partido entre Arxil e Aros León
Chantel Charles, no partido entre Arxil e Aros León / Diego Torrado

Non está a ser un inicio de tempada sinxelo para o Club Baloncesto Arxil na Liga Feminina 2, na que marcha na sexta posición cun balance de tres vitorias e tres derrotas nas seis xornadas disputadas.

As aspiracións á hora de confeccionar o plantel eran altas por parte da directiva pontevedresa, pero as lesións están a minguar o rendemento do equipo.

A aposta por un plantel curto está a pesar no tramo inicial da competición por causa dos problemas físicos que arrastran varias xogadoras, algunhas delas chamadas a ser importantes e que mesmo obrigaron a reducir a carga de traballo nos adestramentos.

É o caso por exemplo de Ana Román, ausente nos tres últimos encontros, ou máis recente da británica Chantel Charles, que necesitou asistencia médica tras o último choque ante o Aros de León.

Ademais a recuperación de María Centeno está a ser máis lenta do esperado e tamén Carla Fernández, Aldara ou Noa Casalderrey afrontaron molestias nas últimas semanas.

A pesar de todo o Arxil está situado nunha cómoda posición na táboa e, dada a igualdade da categoría, atópase a só unha vitoria de distancia do play-off, polo que se segue mirando ao futuro con optimismo empezando polo encontro do próximo domingo na pista do Añares Rioja, equipo co que está empatado na claificación.