Á segunda chegou o primeiro triunfo da tempada para o Club Baloncesto Arxil.
Superadas no seu debut ante o potente Celta Zorka, as verdes recuperáronse este sábado da mellor maneira posible, gañando a domicilio na cancha do Pozuelo madrileño (38-54).
Xa coa norteamericana Forster dispoñible, as de Mayte Méndez mostraron unha gran solidez defensiva para superar ao seu rival a pesar dunha baixa anotación.
A propia Forster foi unha das máis destacadas con 11 puntos e 6 rebotes para 18 de valoración, aínda que o máis determinante do equipo foi Cristina Díaz- Pache con 15 puntos e 21 de valoración.
O Arxil só encaixou 14 puntos ata o descanso. Aí empezou a dominar, por 7-13 no primeiro cuarto e por 14-19 ao intermedio.
O partido con todo mantívose nun puño (25-30) ata os últimos 10 minutos, nos que as pontevedresas puxeron unha marcha máis para certificar a vitoria.