O Arxil-Cortegada, un derbi solidario

Pontevedra
18 de decembro 2019

O encontro de rivalidade entre os equipos pontevedrés e arousán, que se disputará o vindeiro sábado 21 no CGTD, contará cunha recollida solidaria de alimentos

Partido entre Arxil e Estudiantes no CGTD Diego Torrado

Derbi de necesidades e tamén solidario o que se vivirá este sábado 21 de decembro (19:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva entre Club Baloncesto Arxil e Cortegada de Vilagarcía.

Os equipos pontevedrés e arousán, empatados cun balance negativo de 3-8 na zona baixa da clasificación da Liga Feminina 2, buscarán un triunfo na despedida competitiva do ano que lles permita aliviar lixeiramente a súa situación.

"Espero un partido difícil porque ademais os derbis son sempre diferentes, pero xogamos na casa e temos ganas de volvelo a facelo ben despois de que se nos escapasen os dous últimos", sinala a adestradora arxilista Mayte Méndez sobre o duelo.

Ademais de con Natalia López, lesionada de longa duración, as locais non poderán contar con Violeta Crespo por unha escordadura de xeonllo.

A cita, como é tradicional nos últimos anos, terá un compoñente solidario xa que o Arxil habilitará no CGTD unha recollida solidaria de alimentos en beneficio da rede municipal RedeAxuda.