O Arxil cre, vence o líder (69-65) e mira cara o play-off

Pontevedra
11 de marzo 2017

As verdes inflixiron a terceira derrota da tempada ao intratable Aros de León e reforzan as súas opcións de pelexar pola cuarta praza da Liga Feminina 2  

Minata Keita, no partido entre Arxil e Aros León no CGTD
Minata Keita, no partido entre Arxil e Aros León no CGTD / Diego Torrado

Só perdera dous partidos esta tempada o Aros de León, líder destacado do Grupo A de a Liga Feminina 2, ata que chegou ao pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O Arxil inflixiu a terceira derrota da tempada ao cadro leónes logo dun vibrante partido que reforza a súa candidatura a ocupar a cuarta praza e xogar o play-off de ascenso.

As verdes creron desde o inicio, e nun primeiro cuarto brillante en defensa lograron abrir brecha no marcador (18-7) ao final dos primeiros 10 minutos.

Reaccionou o Aros no segundo parcial, no que foi un ciclón en ataque, para dar a volta ao encontro e chegar ao decanso en vantaxe (31-33).

Parecía que o líder chegara ao CGTD, pero tralo descanso as de Mayte Méndez recuperaron o seu mellor nivel, con Keita (25 puntos) e María Lago (18) levando o peso ofensivo.

Desde a liña de 3 puntos, cun 62% de acerto (8 de 13), cimentou o triunfo o Arxil, pero tivo que sualo ata a bucina. As locais chegaron ao cuarto definitivo un punto arriba (52-51) e foron máis efectivas nos momentos clave para amarrar un importante triunfo.

Consulta aquí a acta do Arxil-Aros Patatas Hijolusa.