Necesitaba gañar o Arxil na súa visita ao Segle XXI para manter as súas opcións de acceder ao play-off, pero non só non o conseguiu, senón que viu como os seus rivais directos, Ibaizábal e Joventut facíano, o que deixa ás de Mayte Méndez a unha distancia case insalvable de dúas vitorias, cando só restan tres xornadas para o final de Liga.
De nada serviu a gran actuación de Minata Keita, unha vez máis a xogadora máis destacada do partido con 27 puntos e 10 rebotes (31 de valoración), xa que o seu traballo unicamente acompañouno de lonxe Arantxa Mallou (15 puntos e 6 rebotes). O dominio baixo taboleiros do equipo catalán marcou a diferenza (39 rebotes contra 26 das pontevedresas).
A clave estivo nun mal segundo cuarto do conxunto arxilista, incapaz de superar a defensa local, pese ao bo comezo de partido, no que as verdes se anotaron en primeiro parcial (16-19), para desaparecer da pista e sufrir un doloroso 21-8, que levaba o partido ao descanso cunha renda de 10 puntos para o cadro local (37-27).
A segunda parte foi de alternativas. Arxil logrou meterse no partido no terceiro cuarto (16-21), pero Segle XXI converteuse nunha máquina de facer puntos nos últimos 10 minutos, sentenciando cun 24-19 que lles daba a vitoria (77-67).
Consulta aquí as estatísticas do Segle XXI-Arxil.