Vitoria ante o Añares Rioja (68-62) dun Arxil que segue crendo nas súas posibilidades

Pontevedra
26 de marzo 2017

O equipo pontevedrés sentenciou o partido nun gran terceiro cuarto e non renuncia á pelexa pola cuarta praza da Liga Feminina 2

Partido entre Arxil e Añares Rioja no CGTD
Partido entre Arxil e Añares Rioja no CGTD / Diego Torrado

Non renuncia o Club Baloncesto Arxil a pelexar pola cuarta posición da Liga Feminina 2 na recta final  da competición.

As verdes están dispostas a apurar ata o final as súas opcións, e así o desmotraron no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ante o Añares Rioja (68-62), nun encontro que se decidiu no terceiro cuarto a pesar do apertado do marcador final.

María Lago (22 puntos) e Minata Keita (14) lideraron unha vez máis en ataque a un Arxil que non se atopou cómodo no inicio do choque. Así, no primeiro cuarto as visitantes mantiñan a igualdade e mesmo mandaban no marcador (14-15).

Foi no segundo parcial cando as de Mayte Méndez empezaron a mandar cunha gran defensa, chegando con vantaxe ao descanso (29-25), aínda que non foi ata despois do intermedio cando o Arxil marcou a diferenza. Mantivo o nivel defensivo pero o ataque mostrouse máis incisivo para deixar case sentenciado o encontro (52-35).

Mellorou o cadro rioxano no último cuarto, e chegou mesmo a apertar o electrónico, pero a renda era demasiado importante e non chegou a culminar a remontada.

Consulta as estatísticas do Arxil-Añares Rioja.