O Arxil dá por perdida a Diarrá e traballa xa no equipo para a próxima tempada

Pontevedra
08 de xullo 2015

Unha vez que se esfumou a ilusionante oportunidade de saír a competir en Liga Feminina a próxima tempada, o Arxil púxose mans á obra para pechar canto antes o equipo para disputar, a partir do outono, unha nova campaña na segunda categoría do baloncesto feminino español

Diarrá no partido entre Arxil e GDKO Bizkaia
Diarrá no partido entre Arxil e GDKO Bizkaia / Diego Torrado

Unha vez que se esfumou a ilusionante oportunidade de saír a competir en Liga Feminina a próxima tempada, o Arxil púxose mans á obra para pechar canto antes o equipo para disputar, a partir do outono, unha nova campaña na segunda categoría do baloncesto feminino español.

Tras a reunión da comisión delegada da Federación, desvelouse que o Arxil competirá nunha Liga Feminina 2 que contará con dous grupos de catorce equipos, un número que fará que, probablemente, a competición se inicie xa a principios de outubro.

O club espera poder manter o bloque da pasada tempada, un equipo logrou que que o Arxil conseguise o seu mellor resultado histórico e estivese a un paso de lograr o ascenso. Así, a directiva xa falou con elas e estas, segundo informa a entidade, verían con bos ollos continuar un ano máis. En todo caso, espérase que contesten ao longo das dúas próximas semanas á oferta realizada.

Xa o fixeron, para garantir a súa continuidade, Ana Román, María Lago e María González; mentres que a estadounidense Fallon Lewis deixará a disciplina do club para volver ao seu país de orixe e converterse en adestradora.

O Arxil está a sondar xa o mercado internacional para cubrir o oco que deixará, con case total probabilidade Maimouna Diarra, a súa xogadora máis determinante. O club recoñece que será difícil contar con ela, xa que a fantástica tempada que realizou en Pontevedra lle permitiu recibir numerosas ofertas. Neste sentido, afirman ter practicamente pechada a chegada dunha xogadora portuguesa con moito tiro e gran capacidade defensiva.

Ademais, a directiva quere reforzar o seu segundo equipo, o Arxil Mafari Café, para que volva competir polo título da Segunda División, e a súa estrutura júnior na que se renovará profundamente o seu equipo e na que se creará un segundo equipo para dar cabida a todas as xogadoras que ten actualmente na súa canteira.