A pretempada chegou ao seu fin para un Club Baloncesto Arxil que xa pensa na súa estrea un novo curso na Liga Feminina 2.
As verdes debutarán o vindeiro sábado 2 de outubro recibindo no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (19.30 horas) o Alhaurín de la Torre, e farano tras pechar a súa preparación cun triunfo en Portugal que deixa un bo sabor de boca.
A pesar de que a pretemporada arrincou cunha discreta actuación en Copa Galicia, as de Mayte Méndez foron de menos a máis e desde o club aseguran xa estar preparados para o inicio da competición oficial.
En Ermesinde, preto da cidade lusa de Porto, o Arxil mediuse ao CPN da Primeira División portuguesa, vencendo por un tenteo de 48 a 62.
A cita serviu ademais para que Cristina Díaz-Pache disputase os seus primeiros minutos do curso, polo que Margarita Moreira queda como única baixa no equipo, ademais da última fichaxe, dunha xogadora norteamericana, que segue sen chegar a Pontevedra e que é dúbida para o inicio de liga.