O Arxil pide aos seus afeccionados que se fagan socios como regalo polo seu 35 aniversario

Pontevedra
28 de agosto 2019

O prezo do carné é de 20 euros e dá acceso aos 13 partidos de liga que o conxunto verde disputará como local e tamén aos encontros amigables

Partido entre Arxil e Maristas Coruña no CGTD
Partido entre Arxil e Maristas Coruña no CGTD / Diego Torrado

O Arxil necesita apoios para seguir crecendo na segunda categoría do baloncesto feminino nacional. Baixo o lema Obxectivo 10.000, o club pon en marcha a súa campaña de socios para a próxima tempada. O carné ten un prezo de 20 euros e dá acceso a todos os partidos de liga que o equipo verde dispute como local.

Este ano o equipo pontevedrés celebra os seus 35 anos de historia dedicados en corpo e alma á formación deportiva e persoal de xogadoras de baloncesto, por iso fan un chamamento ás xogadoras e pais que formaron parte desta familia para "arrimar o ombreiro" e dar o empuxón que o Arxil necesita para subir un novo chanzo.

O abono servirá para presenciar os 13 partidos de liga que o equipo xogará este ano como local. Cun prezo de 20 euros, "cada partido sae a 1,50 euros", explican desde o club. "Moi inferior ao prezo da entrada individual", engaden. Ademais, os socios poderán acceder aos partidos amigables.

"Esta tempada é moi especial para o club e espera conseguir o obxectivo, que é chegar aos 10.000 euros" esenciais para sufragar os gastos de desprazamentos durante toda a tempada, sinala o presidente da entidade, Liño Vázquez.

Na páxina web oficial do Arxil está toda a información e impresos necesarios para facerse socio.