As vacacións das xogadoras do Arxil tocan ao seu fin. O equipo volveu ao traballo o 1 de setembro no Multiusos da Xunqueira, que será, xunto ao pavillón do CGTD e o parque do río Lérez, o centro de operacións do primeiro equipo neste inicio de pretemporada.
Da primeira xornada de traballo ausentáronse as xogadoras estranxeiras, cuxa chegada está prevista para os primeiros días de setembro cando se resolvan todos os trámites administrativos.
Mentres tanto, as xogadoras nacionais iniciaron xa os primeiros días das catro semanas de preparación que teñen por diante para chegar no mellor estado de forma posible ao comezo de liga, previsto para o 2 de outubro en casa contra o Alhaurín de la Torre. Para iso teñen marcado en vermello no calendario o primeiro partido de pretemporada, que será o día 12 no CGTD fronte ao Rosalía de Santiago no primeiro partido de Copa Galicia.
Entre as xogadoras que iniciaron os adestramentos atópase Aldara Vázquez, que renovou o seu contrato e afrontará o seu vixésimo primeira tempada no club. A canteirá compaxinará o primeiro equipo co filial, algo que fará tamén Adriana Aparicio, a alero porriñés que encara a súa terceira tempada na disciplina verde tras un breve parón o curso pasado pola súa viaxe de Erasmus a República Checa.
Confirmada está tamén a renovación de Violeta, que xa está plenamente recuperada da lesión que padeceu o curso pasado. Aínda así seguirá alternando tamén o primeiro equipo e o filial.