O Arxil continúa coa planificación da súa primeira campaña en Liga Feminina Challenge coas renovacións da MVP Nerea Liste e Miriam García.
Liste disputará este ano a súa cuarta tempada co equipo pontevedrés despois de realizar un gran ano a nivel individual con case 30 minutos de media en 24 partidos (11'6 puntos de media, 8'5 rebotes, un 53'8% en tiros de campo, un 82'5% en tiros libres e unha valoración de 17'1 por partido).
Na fase de ascenso a xogadora santiaguesa cegou con 31 minutos de media en 3 partidos, 12,7 puntos por encontro e 6 rebotes por partido.
Foi a décimo terceira xogadora máis anotadora da liga, a quinta en rebotes totais, a cuarta en rebotes ofensivos, a sétima en rebotes defensivos e a terceira en tiros de dos e en tiros libres.
Grazas a estes números, Nerea Liste converteuse na MVP da liga cunha valoración total de 21,19, uns números que desde o Arxil esperan que sigan sendo beneficiosos para o club.
No caso de Miriam García, cumprirá a súa quinta tempada no primeiro equipo arxilista despois de ir aumentando aos poucos os seus rexistros e cobrando protagonismo na rotación ata sumar 13 minutos de media na pista.
Desde o club destacan "a súa implicación, o seu compromiso co club e a súa maneira de adestrar. É unha gran defensa que aos poucos vai soltando a súa calidade de fronte ao aro rival. Na tempada pasada en certos partidos foi fundamental para cambiar o resultado final".