O Arxil retoma a competición sen confianzas ante o Pabellón Ourense

Pontevedra
11 de decembro 2014

As verdes reciben no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (sábado, 19:30 horas) ao último clasificado coa intención de manterse nos postos de cabeza

Mayte Méndez durante o partido entre Arxil e Araski
Mayte Méndez durante o partido entre Arxil e Araski / Diego Torrado

Despois de parón do pasado fin de semana o Club Baloncesto Arxil retoma a competición co obxectivo de manterse nos postos de privilexio da Liga Feminina 2.

Para iso as verdes deberán superar ao último clasificado, o Pabellón Ourense, no choque que se disputará este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (19:30 horas).

Mayte Méndez quere evitar un exceso de confianza das súas xogadoras ante un rival que dende o club, malia todo, consideran perigoso e cun quinteto inicial "moi potente".

O Pabellón, que ten un partido menos polo aprazamento do seu duelo ante o Cortegada, aínda non estreou a súa cuadrícula de vitorias na competición, pero puxo en moitos apuros equipos como o Celta ou Universidad de Valladolid.