Vai en serio o Club Baloncesto Arxil. O equipo pontevedrés confirmou o seu bo momento de forma na visita do Celta Zorka ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra (77-66).
As verdes consolídanse na zona alta da calsificación da Liga Feminina 2 ao sumar o seu quinto triunfo en seis xornadas, despois dun partido que dominou desde o inicio.
Da man de Keita (21 puntos) e Waleska Pérez (21 puntos) e coa notable achega tamén de María Lago (17), o Arxil puxo terra polo medio nun gran inicio, cun parcial de 15-2 a favor.
Reaccionou o Celta para chegar ao final do primeiro cuarto só catro puntos por baixo (22-18) e chegar a empatar o partido no inicio do segundo parcial, pero o dominio non deixou de ser das locais, que ampliaron levemente a renda ao descanso (38-32).
No terceiro cuarto o Celta tentou manterse no partido, ata que o Arxil pegou un estirón nos últimos minutos para encarrilar o partido (59-49) e controlar a súa vantaxe no último período.