O Arxil, sen marxe de erro nas dúas últimas xornadas de liga

Pontevedra
02 de abril 2015

Se as verdes queren xogar a fase de ascenso á Liga Feminina deberán gañar os seus dous partidos e esperar un tropezo de Aros León ou Portomar Cortegada

Partido entre Arxil e Bizkaia no CGTD
Partido entre Arxil e Bizkaia no CGTD

A dúas xornadas para o final da competición regular na Liga Feminina 2, o Club Baloncesto Arxil prepárase para o último esforzo en busca dun posto na fase de ascenso á máxima categoría.

Tras permanecer toda a tempada entre os catro primeiros postos, que dan acceso ao play-off, as verdes caeron á quinta posición tras a súa derrota ante o líder, o GDKO Bizkaia.

Esa derrota deixou as pontevedresas sen marxe de erro se queren loitar polo salto de categoría. Para logralo deberán vencer nos seus dous encontros e esperar un tropezo de Aros León ou de Portomar Cortegada, equipos cos que están empatadas na táboa pero ante as que saen prexudicadas nun triplo empate.

A parte positiva para o Arxil é que, dos tres candidatos a ocupar as dúas prazas que aínda están vacantes, conta co calendario a priori máis accesible.

As pupilas de Mayte Méndez xogarán este sábado (19:00 horas) a domicilio ante o ADBA Avilés, noveno clasificado, e recibirán na última xornada (11 de abril ás 19:00 horas) ao Universidad de Oviedo, décimo.

Pola súa banda o Cortegada debe enfrontarse a Badajoz fóra de casa para rematar a liga ante o segundo clasificado, o Ensino, mentres Aros León recibe este sábado ao intratable Bizkaia e na última xornada visitará ao Universidad de Valladolid.

Malia que estas contas están moi presentes dende o club verde aseguran que "no debemos pensar en que van a hacer Cortegada y León, sólo en que nosotros debemos ganar y si no jugamos al 100% no lo conseguiremos", sinalou Lino Vázquez.