Tocou sufrir. Máis mesmo do esperado, pero o Arxil logrou encadear o seu cuarto triunfo consecutivo que o aúpa ata a cuarta posición da táboa, compartindo posto de play-off cos mesmos puntos que Joventut Les Corts e Lima Horta. As de Mayte Méndez non puideron respirar tranquilas ata o último segundo, fronte a un Ponce Valladolid que chegaba necesitado de puntuar e que a punto estivo de dar a sorpresa.
A visita do pechacancelas parecía facilitar a tarefa do equipo verde, máis aínda despois dun primeiro cuarto que parecía confirmar as expectativas, cun Arxil firme en ataque e seguro en defensa, que facía encaixar ás de Pucela un 21-11, fiel reflexo da superioridade local.
Pero a medida que pasaban os minutos o equipo pontevedrés acusaba o seu curto banco. Mayte Méndez só dispuxo de dúas xogadoras para as rotacións, o que ao final notaríase na frescura do conxunto. Dese modo, Ponce Valladolid púxose á tarefa de reducir a súa desvantaxe, conseguindo dominar no segundo parcial (10-14), aproveitando o baixón anotador das pontevedresas, para deixar o marcador no descanso nun apertado 31-25.
Á volta de vestiarios mantívose a mesma tónica. Arxil non acertaba co lanzamento exterior e Ponce Valladolid anotábase tamén o terceiro parcial (13-17) para chegar ao últimos dez minutos só dous abaixo (44-42).
Afortunadamente a loita baixo taboleiros (40 rebotes por 30 das visitantes) permitía ás pontevedresas compensar a súa falta de acerto no tiro, aínda que mellorando suficientemente as súas cifras ata anotarse o último cuarto (18-16) e terminar impoñéndose por un apertado 62-58.
Destacar a unha sensacional Minata Keita, que logrou capturar un total de 18 rebotes, ademais de anotar 17 puntos para sumar un 24 de valoración. Xunto a ela, tamén destacou Carla Fernández (13 puntos, 6 rebotes e 20 de valoración), claves ambas para o resultado final.