O equipo feminino do Tenis de Mesa Monte Porreiro fixo historia este domingo tras conseguir meterse como primeiras do grupo 1 na fase final polo ascenso a Superdivisión tras superar ao Leganés Rivas na última eliminatoria.
Para chegar ata aí, as da cidade do Lérez tiveron que facer unha magnífica campaña que tivo como punto final o duelo ante o rival madrileño, ao que venceron na ida por 2-4.
Con todo, o partido de volta non deixou tan bo sabor de boca coma se chegase a disputarse de igual a igual, xa que o Leganés viaxou a Pontevedra escaso de persoal porque no último momento varias xogadoras deron positivo en covid-19 e non puideron asistir.
Ante esta situación, o cadro arbitral deu por gañada a eliminatoria ao Monte Porreiro, que se desprazará a San Sebastián de los Reyes a disputar a fase de ascenso definitiva á que chega como campión de grupo, o que lle outorga unha dobre oportunidade para alcanzar a Superdivisión.
Aínda é pronto para cantar vitoria, pero en caso de conseguilo, o TM Monte Porreiro aloxaría aos seus dous equipos, tanto masculino como feminino, na máxima categoría do tenis de mesa nacional.