O Atlético Granadilla destitúe o seu corpo técnico antes de viaxar a Pontevedra

Pontevedra
29 de maio 2014

O club canario anunciou este xoves a través de Twitter a súa decisión de prescindir de Toni Ayala e do seu segundo adestrador, Monsi Brito. Alfonso Donate faise cargo do equipo ata final de tempada

Toni Ayala, adestrador destituído polo Atlético Granadilla
Toni Ayala, adestrador destituído polo Atlético Granadilla /

Sorprendente decisión a tomada este xoves polo Atlético Granadilla, rival do Pontevedra na semifinal polo ascenso a Segunda B, a poucos días de visitar o Estadio Municipal de Pasarón (domingo 20:00 horas).

O club canario, a través da rede social Twitter, anunciou a destitución de Toni Ayala como responsable deportivo do equipo e do seu segundo adestrador, Monsi Brito, despois dunha reunión de urxencia da directiva.

 

Dende Tenerife apúntase ás difíciles relacións entre o corpo técnico e parte do plantel como posible detonante da drástica medida a pesar da notable tempada realizada, na que o equipo finalizou no primeiro posto do seu grupo de Terceira División.

O substituto ata final de tempada, e polo tanto o técnico que dirixirá ao Granadilla en Pontevedra, será Alfonso Donate, segundo confirmou a entidade tinerfeña.