Ponteareas foi escenario a fin de semana do Campionato Galego Absoluto de Bádminton, no que o Ravachol Pontevedra protagonizou un destacado papel.
O conxunto pontevedrés sumou ata 10 medallas na máxima competición autonómica.
Alejandro Nogueira e Manuel Brea proclamáronse campións galegos absolutos por sexta tempada consecutiva, alongando así unha xeira positiva que se prolonga desde a tempada 2014/2015. Brea conseguiu ademais o título individual conseguindo o seu undécimo título no cómputo global.
Tamén gañou a medalla de ouro Georgina Bland na modalidade individual, título que non puido repetir no dobres onde foi segunda xunto a Raquel Miguens. Ademais Ana Carbón levou o bronce individual.
Martín Barbado, xunto ao seu irmán Miguel, foron segundos, sumando unha prata ao palmarés particular do club, e no dobres mixto a parella formada por Iván Darriba e Raquel Miguens levou o bronce.
Por último Ania Setién, deportista do primeiro equipo cedida desde o CB As Neves, levou o ouro en dobres feminino e o bronce individual, mentres que Gabriel Fernández, deportista cedido desde o Club do Mar, foi bronce en dobres masculino.