O Bádminton Ravachol cae en Eivissa e queda abocado ao decenso "salvo milagre"

Pontevedra
26 de abril 2021

O conxunto pontevedrés, castigado polas lesións, non puido superar este luns na o potente Pitius de Eivissa e a falta dunha xornada ten case imposible a súa permanencia na División de Honra

Partido entre o Club Bádminton Ravachol e o CB Alicante Cristina Saiz

Non puido ser, e aínda que as matemáticas non o digan ao 100% o Bádminton Ravachol Pontevedra vese abocado ao descenso de categoría na súa primeira experiencia na División de Honra.

Despois dunha campaña chea de imprevistos e dificultades, os pontevedreses chegaban á última e decisiva semana da tempada coas súas opcións intactas, unhas posibilidades que empezaron a torcerse o sábado coa derrota no Centro  Galego de Tecnificación Deportiva fronte ao CB Alicante, un rival directo.

Tocaba recuperar o perdido, sen apenas descanso e cun equipo castigado polas lesións e problemas físicos, na xornada aprazada en Semana Santa na pista do potente Pitius de Eivissa, nun enfrontamento disputado este luns 27 de abril, e o equipo da campioa olímpica Carolina Marín (non xogou o encontro), cumpriu os prognósticos deixando ferido de morte o Ravachol.

Pese ao resultado final (5-2), o Bádminton Pontevedra agarrouse ás súas posibilidades colocándose 1-2 ao comezo da xornada grazas aos triunfos de Javier Sánchez e Gabriel Fernández no dobres masculino e de Georgina Bland nun dos individuais. Desafortunadamente a partir de aí o Pitius dominou o resto de encontros para levar os puntos en xogo.

Coa derrota o Ravachol queda, a falta dunha xornada, na última posición con 9 puntos, a só 3 da zona de permanencia. As matemáticas danlle opcións aínda que "tería que haber un milagre", recoñece o director técnico do equipo Jesús Pereiro.

"Catro dos seis xogadores titulares están lesionados, e a Sevilla imos ir co xusto. Desgraciadamente vai ser un trámite", asume o responsable dos pontevedreses ante o desprazamento da fin de semana para enfrontarse ao CB Rinconada. Só un triunfo e a derrota dos seus dous rivais (Benalmádena e San Fernando Valencia) faría que evitasen o descenso.

Aínda que cunha lóxica decepción polo desenlace, no Bádminton Pontevedra móstranse satisfeitos do rendemento do equipo ao longo do ano, e "xa estamos con ganas de facer un novo proxecto e poder pelexar por ascender de novo", sinala Pereiro.