O Bádminton Ravachol Pontevedra renova o seu capitán, Alejandro Nogueira

Pontevedra
16 de maio 2020

Nogueira cumprirá a súa terceira tempada no primeiro equipo, onde se consolidou como peza fundamental, disputando durante esta tempada 28 partidos, con 23 vitorias, sendo un dos artífices do ascenso á máxima categoría nacional

Alejandro Nogueira, xogador do Bádminton Ravachol Pontevedra
Alejandro Nogueira, xogador do Bádminton Ravachol Pontevedra / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra comeza a confeccionar o seu primeiro equipo coa mirada posta na tempada 2020/2021 anunciando unha das súas principais renovacións, a do capitán Alejandro Nogueira.

Desta maneira, Nogueira, cumprirá a súa terceira tempada no primeiro equipo, onde se consolidou como peza fundamental, disputando durante esta tempada 28 partidos, con 23 vitorias, sendo un dos artífices do ascenso á máxima categoría nacional.

Desde a súa chegada ao club en 2018, foi un fixo nas aliñacións, sendo titular en todos os encontros disputados ata a data, e sumando un total de 52 partidos, cun balance de 41 vitorias. 

Por iso, desde o club anuncian a súa renovación como "a mellor das noticias que se podían recibir nestes tempos de incerteza que nos tocou vivir", e destacan, ademais de "a súa zurda de calidade", " o seu liderado e o seu bo facer como capitán, que lle fixeron gañarse a confianza e o respecto de compañeiros e corpo técnico".

Doutra banda, desde a dirección do club transmiten que seguen traballando na confección do persoal que xogará en División de Honra a próxima tempada coa mirada posta principalmente nas renovacións, xa que a súa intención é manter o bloque do ascenso, pero tamén nas incorporacións, que se antollan necesarias para construír un persoal competitivo na máxima categoría.