O balón parado, unha china no zapato para o Pontevedra

Pontevedra
16 de febreiro 2016

O cadro granate, que nos últimos partidos non atopou o seu mellor xogo, viu agravada esta situación con descoidos defensivos a balón parado que supuxeron cinco goles no últimos tres encontros

O Racing de Ferrol celebra un dos goles que conseguiu en Pasarón
O Racing de Ferrol celebra un dos goles que conseguiu en Pasarón

Que o Pontevedra non está a atravesar o seu mellor momento da tempada é unha evidencia que apoian os seus números durante os últimos partidos, ao encadear xa cinco xornadas sen gañar, con dous empates e tres derrotas. O cadro adestrado por Luisito leva ademais dous encontros consecutivos perdendo por tres tantos de diferenza, algo que non ocorrera nunca co técnico de Teo no banco.

Esta baixada de rendemento viuse agravada durante os partidos, algúns como ante o Lealtad nos que mereceron mellor sorte, cun aspecto do xogo que se converteu nunha auténtica china no zapato para os granates esta tempada, o balón parado.

Os granates encaixaron cinco goles a balón parado nos tres últimos partidos

Nos tres últimos encontros (Lealtad, Compostela e Racing de Ferrol), o Pontevedra encaixou cinco dos oito goles recibidos nesta disciplina.

Primeiro ante o Lealtad, un saque de esquina supuxo o empate momentáneo despois de múltiples ocasións de gol desperdiciadas. Unha semana despois, nun choque condicionado polo estado do terreo de xogo, o Compostela desnivelou o marcador con outro tanto á saída dun corner e tras unha falta lateral, tendo entre medias opcións os granates para anotar algún tanto. Pola súa banda, ante un Racing de Ferrol superior, foi de novo o balón parado o que condicionou o choque, ao supoñer os dous primeiros goles do partido, o segundo coa mala fortuna de Jacobo ao marcar en propia meta.

Ao longo da tempada, o Pontevedra encaixou catro goles máis desde o corner ou en falta lateral (Valladolid B, Izarra e Arandina), aínda que curiosamente en todos eses partidos acabou gañando. Ademais recibiu dous tantos de lanzamamiento de falta directa (Leonesa e Lealtad en Villaviciosa) e un desde o punto de penalti (Racing de Santander).

Un aspecto para corrixir en próximas citas, empezando co segundo derbi autonómico consecutivo fixado para o vindeiro domingo (17:00horas) en Vigo ante o Coruxo.