Nin defensa nin ataque. O Cisne foi un xoguete a mans dun Barcelona B que se mostrou intratable e non tivo piedade dos de Edín Covelo, desbordados case desde o asubío inicial e incapaces de frear o xogo do filial blaugrana.
Os pontevedreses sufriron un desprazamento complicado, que lles deixou na Cidade Condal case sen tempo para descansar antes do partido, e chegaron á Ciutat Esportiva "Joan Gamper" para disputar un compromiso difícil, pero non tanto como esa avultada diferenza final que reflectiu o marcador.
Non saíu practicamente nada do que se ensaiou. Pablo Picallo inauguraba o marcador, pero a partir dese 0-1 o Cisne tivo que contemplar con impotencia como o Barcelona B escapábase de forma constante abrindo a brecha a cada minutos que pasaba.
Demasiados erros traducidos en ata 10 perdas de balón, cos consecuentes contraataques azulgrana, foron unha das claves do partido, de tal modo que aos 15 minutos o marcador xa reflectía a primeira diferenza importante (11-5).
Aínda por riba, ao verse sen opcións, o equipo baixou os brazos facilitando que os locais chegasen ao descanso cun claro 18-10.
A segunda parte foi un pequeno calvario para o Cisne, que asistiu ao paseo dun Barcelona B que, a pesar dos cambios e dar minutos a todos os seus homes, seguiu ampliando a conta ata ese esmagador 43-21 final.