O Barcelona negocia a incorporación do canteirán do Pontevedra Jorge Carrillo

Pontevedra
25 de abril 2018

O club azulgrana leva seguindoo desde a categoría infantil ao futbolista de Poio, que recentemente foi convocado pola Selección Española Sub-16. Aínda que a operación non está pechada, pretenden realizala para que se  incopore a próxima tempada á Masía

Jorge Carrillo, no Estadio Municipal de Pasarón
Jorge Carrillo, no Estadio Municipal de Pasarón

Unha das maiores promesas do fútbol pontevedrés está a piques de facer as maletas rumbo ao Fútbol Club Barcelona.

O club catalán negocia co Pontevedra a incorporación do gardameta granate Jorge Carrillo para a próxima tempada, na que pasaría a formar parte dun dos seus conxuntos xuvenís.

A operación aínda non está pechada, pero o interese do Barcelona no futbolista de Poio é grande e vén de atrás, concretamente desde a súa etapa infantil, segundo aseguran fontes próximas á entidade azulgrana.

Carrillo, aínda en idade cadete, chegou ao Pontevedra en primeiro ano da categoría infantil, e defendeu esta campaña a portería do xuvenil de División de Honra, chegando a ser convocado pola Selección Española Sub-16 a unhas xornadas de adestramento en Las Rozas.

Agora, se se concreta a súa entrada na  Masía, enfrontarase a un gran reto que ademais lle permitirá estar preto do que recoñeceu como o seu ídolo, o porteiro alemán Marc André Ter Stegen.