O Pontevedra fai oficial o traspaso do canteirán Jorge Carrillo ao Barcelona

Pontevedra
23 de xullo 2018

O gardameta de Poio, internacional Sub-16, pasará a formar parte dunha das canteiras máis prestixiosas do fútbol mundial. En principio terá ficha no xuvenil B

Jorge Carrillo, no Estadio Municipal de Pasarón
Jorge Carrillo, no Estadio Municipal de Pasarón

O Pontevedra queda sen unha das perlas da súa canteira, o gardameta internacional sub-16 Jorge Carrillo.

O xoven futbolista de Poio pechou a súa incorporación a unha das canteiras máis prestixiosas do fútbol mundial, a do Fútbol Club Barcelona.

Así o confirmou este luns o propio Pontevedra, club ao que chegou no seu primeiro ano na categoría infantil e que abandona tras defender a portería do equipo de División de Honra xuvenil a pesar de ser aínda cadete a pasada tempada.

Carrillo pasará a fomar parte en principio, no seu primeiro ano na Masía, do plantel do xuvenil B.

Aínda que o Pontevedra non confirmou detalles da operación, a intención da entidade durante a negociación co Barcelona era incluír algunha cláusula que poida supoñer beneficio económico no caso de que Jorge Carrillo se abra oco cara á elite do fútbol.