Coke Carrillo debuta coa Selección Española Sub-18 cun empate ante Romanía (2-2)

Pontevedra
10 de decembro 2019

O gardameta de Poio estreouse co combinado nacional da categoría no segundo encontro do Torneo Internacional do Algarve, en Portugal

Coke Carrillo (esquerda) coa Selección Española Sub-18
Coke Carrillo (esquerda) coa Selección Española Sub-18

Ao segundo partido de España no Torneo Internacional do Algarve, en Portugal, chegou o debut de Coke Carrillo na Selección Española Sub-18.

O gardameta de Poio, canteirán do Pontevedra Club de Fútbol e agora nas filas do xuvenil B do FC Barcelona, foi titular no encontro que enfrontaba ao combinado nacional da categoría con Romanía, e que finalizou con empate a dous goles.

Carrillo non dispuxera de minutos no primeiro choque do torneo, no que España tamén asinou táboas ante Turquía (1-1).

Nesta ocasión Romanía foi a que levou a iniciativa no marcador durante gran parte do partido, adiantándose á media hora de xogo por medio de Ianis Stoica. O combinado nacional non tardou en empatar cun tanto do celtista Gabriel Veiga, pero de novo Stoica bateu a Coke Carrillo dando vantaxe ao seu equipo.

Aínda que España tentouno durante toda a segunda metade, non foi ata o tempo de desconto cando conseguiu a igualada, cun penalti transformado polo sevillista Antonio Zarzana.

A Selección Sub-18 pechará a súa participación no Torneo Internacional do Algarve o vindeiro mércores 11 de decembro contra Portugal.