Novo chanzo superado por Coke Carrillo, queimando etapas na súa formación como gardameta do Fútbol Club Barcelona e das categorías inferiores da Selección Española.
O futbolista de Poio, canteirán do Pontevedra Club de Fútbol, foi citado para a súa primeira concentración nacional Sub-19, tras pasar nos últimos anos polos equipos de España Sub-18 e Sub-16.
Carrillo comeza este luns o traballo co combinado nacional en Marbella, onde permanecerá ata o vindeiro xoves 25 de febreiro nunha preparación para o Campionato de Europa da categoría que ten prevista a súa celebración do 30 de xuño ao 13 de xullo en Romanía.
Esta convocatoria, a pesar de chegar por cambios de última hora na mesma, supón todo un aliciente para o arqueiro, que milita actualmente no Xuvenil A do Fútbol Club Barcelona alternando encontros na portería con Ramon Vilà e que viu como hai uns días se cancelaba unha competición coa UEFA Youth League, que supón un gran escaparate internacional.
Na lista do seleccionador Santi Denia atópanse outros dous futbolistas galegos, Nico González (FC Barcelona) e Gabri Veiga ( RC Celta).