O Breogán do Grove, terceiro no Nacional de piragüismo en pista

Pontevedra
12 de xullo 2016

Pola súa banda o Club Piragüismo Poio concluíu nunha meritoria oitava posición. Ademais sete clubs galegos situáronse entre os dez mellores do medalleiro na competición celebrada no encoro asturiano de Trasona

Adrián Sieiro e André Oliveira, na proba de C-1 500 na Copa de España 2015
Adrián Sieiro e André Oliveira, na proba de C-1 500 na Copa de España 2015

O Campionato de España de Piragüismo en Pista Senior e Sub-23, celebrado no encoro asturiano de Trasona, Avilés, tivo claro sabor galego.

Quitando ao vencedor final, o Náutico de Sevilla, os clubs galegos dominaron as clasificacións por equipo e o medalleiro da competición.

Na clasificación xeral o Kayak Tudense foi segundo, mentres o Breogán do Grove finalizou no terceiro chanzo do podio ao avantaxar en só tres puntos ao cuarto clasificado, o Náutico de Palma.

Outros dous clubs da provincia finalizaron entre os dez primeiros. Foro o Club As Torres Romaría Viquinga, sétimo, e o Club Piragüismo Poio-Conservas Pescamar, oitavo.

Máis dominio houbo no medalleiro, con sete galegos entre os dez primeiros. O club máis laureado neste aspecto foi o Breogán con 20 medallas (9 ouros, 6 pratas e 5 bronces). Ademais cuarto situouse a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra con 16 metais (7 de ouro, 6 de prata e 3 de bronce) e sexto o Club Piragüismo Poio (6 ouros, 4 pratas e 4 bronces).

Con estes resultados a clasificación xeral da Liga Hernando Quella deixa a cinco galegos entre os dez primeiros. O Kayak Tudense é segundo con 414 puntos, os mesmos que o primeiro clasificado o Náutico de Sevilla, terceiro con 391 puntos queda o Breogán do Grove. A sexta, sétima e oitava praza son respectivamente para Piragüismo Poio, As Torres e E.P. Ciudad de Pontevedra.

Aínda por riba o Breogán redondeou a súa actuación como vencedor da Copa da Raíña.