A Selección Española Júnior de balonmán inicia estes días cunha concentración en Guadalaxara o seu camiño cara ao Campionato do Mundo da categoría que se disputará en 2019 entre Pontevedra e Vigo.
Entre as novidades do combinado nacional, tras o Europeo celebrado no verán en Eslovenia, atópase un xogador da Sociedad Deportiva Teucro, Natan Suárez.
O central convenceu ao seleccionador español, Isidoro García, coas súas actuacións na fase inicial da tempada na Liga Asobal, na que debuta este ano co Teucro.
"O progreso e a mellora que están a ter os xogadores que están a traballar e tendo minutos na Liga Asobal é algo moi positivo para nós, nótase moito o pouso da máxima categoría", recoñeceu o técnico en declaracións á Real Federación Española de Balonmán.
A concentración en Guadalaxara prolongarase ata este xoves 25 de outubro a ritmo de dobres sesións diarias nas que o obxectivo é "continuar traballando cun abanico de xogadores o suficientemente amplo como para afrontar con garantías o próximo gran obxectivo, que é o Mundial en Galicia", sinalou Isidoro García.
O Campionato do Mundo Júnior de balonmán terá lugar en xullo de 2019 repartido entre as cidades de Vigo e Pontevedra.