Pontevedra, do mesmo xeito que Marín coa competición masculina, conta as horas para que comece o Campionato de España Infantil Feminino de Baloncesto, que se disputará do domingo 10 ao sábado 16 de xuño.
Os pavillóns Universitario, do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e de Príncipe Felipe serán sede dun evento que leva un importante esforzo organizativo por parte do club local, o CB Arxil, e da Federación Galega de Baloncesto.
Como mostra, na presentación oficial do campionato celebrada este martes no Concello de Pontevedra, reveláronse detalles e números relativos á organización.
No deportivo 480 deportistas de 32 equipos de toda España estarán presentes no Nacional Infantil, arrastrando previsiblemente un bo número de familiares que fan pensar na chegada á cidade de preto dun milleiro de persoas.
Ademais, 40 voluntarios estarán pendentes de tarefas como as estatísticas de cada un dos partidos, de realizar funcións de dirección de sede ou de delegados de campo. Habilitarase tamén un servizo de fisioterapia tras chegar a un acordo coa facultade do campus pontevedrés, haberá tres equipos médicos repartidos en cada unha das sedes con ambulancia a pé de pista por precaución, e repartiranse nos vestiarios ata 1.584 pezas de froita entre as deportistas.
Son algunhas das cifras que evidencian a magnitude dun evento que a pesar da súa categoría infantil contará cunha organización de nivel, como demostra tamén o feito de que desde os oitavos de final, e ata a final prevista para o día 16 no pavillón de Príncipe Felipe, todos os encontros serán retransmitidos en directo por streaming polo Canle FEB da Federación Española de Baloncesto.