O Campionato Galego de Ciclocrós reunirá en Poio a máis de 300 deportistas

Poio
03 de xaneiro 2023

A competición, que pechará a tempada do ciclocrós autonómico, celebrarase o vindeiro domingo 8 de xaneiro nun circuíto habilitado na zona da Seca

Presentación en Poio do Campionato Galego de Ciclocrós
Presentación en Poio do Campionato Galego de Ciclocrós / Concello de Poio

Poio terá a honra de despedir este ano o calendario do ciclocrós autonómico coa celebración do Campionato Galego no V Ciclocrós Poio Móvese.

A cita, que contará con máis de 300 deportistas, terá lugar o vindeiro domingo 8 de xaneiro nun circuíto de 3 quilómetros que se instalará na Seca.

"É un circuíto esixente, que obrigará as e os participantes a dar o mellor de si e que a bo seguro suporá un gran atractivo para as persoas que se acheguen a gozar da proba como espectadores", asegurou na presentación do evento a concelleira de Deportes, Marga Caldas.

A partir das 9.30 horas da mañá competirán en Poio ciclistas de categoría elite, sub-23, junior, cadete e Máster 30, 40 e 50, tanto masculinas como femininas.

Trátase dun campionato que contará cun aliciente importante, e é que os gañadores de cada unha das categorías gañaranse o dereito para participar coa selección galega no próximo Campionato de España da especialidade.

O V Ciclocrós Poio Móvese está organizado polo Poio Bike Club e o Concello de Poio.