O Campionato Galego Infantil de voleibol, estrea competitiva para o Multiusos da Xunqueira

Pontevedra
10 de abril 2019

O equipo infantil feminino do Club Voleibol Pontevedra buscará este sábado 13 de abril en casa a clasificación para o Campionato de España da categoría

Presentación do Campionato Galego Infantil Feminino de voleibol
Presentación do Campionato Galego Infantil Feminino de voleibol / Nacho Fuentes

O recentemente estreado, tras a súa reforma, Pavillón Multisos da Xunqueira será escenario o vindeiro sábado 13 de abril da súa primeira competición autonómica coa fase final do Campionato Galego Infantil Feminino de voleibol.

O Club Voleibol Pontevedra, campión da liga regular da categoría, buscará na casa a súa clasificación para o Campionato de España, algo que lograrán os dous finalistas.

"As nosas rapazas son unhas das favoritas", recoñeceu na presentación do evento Patricia Valcárcel, que con todo prognostica unha xornada moi rifada entre os catro mellores equipos da tempada.

A competición iniciarase ás 10:00 horas coa primeira semifinal entre Voleibol Pontevedra e Korbis, seguido ás 12:00 do duelo entre Emeve e Calasancias Coruña.

Xa pola tarde disputarase o encontro polo terceiro e cuarto posto (17:00 horas) e a gran final (19:00 horas).